A Xunta de Galicia adxudicou o ano pasado as novas concesións para o servizo de transporte na comunidade. No caso do servizo que une Barbadás e Ourense, a UTE Río pasou a ser a empresa concesionaria da devandita liña. Os autobuses da unión temporal de empresas levan meses prestando servizo aos usuarios e no Concello de Barbadás presentáronse este mércores a firma, a súa imaxe e os beneficios actuais -e futuro- dos que poden gozar os usuarios.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel; o delegado para España e Portugal da compañía multinacional de transporte Transdev, Pierre Jaffard; e a xefa de servizo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Alicia López, entre outras persoas, participaron na presentación.
Coa entrada en vigor do novo contrato, o prezo do bono de autobús entre Barbadás e Ourense -a liña Loiro-A Valenzá-Ourense- chegou a custar 1,35 euros, que se fixará en 1,5 euros a partir de xuño.
O representante da UTE Río destacou as melloras na prestación, como o feito de que todos os vehículos dispoñan dunha plataforma para persoas con mobilidade reducida ou que nun futuro próximo estará dispoñible unha tarxeta con carteira recargable.